O primeiro e máis importante que teño que dicir é que me quedou A Vara alí en Barreiros :( Teño constancia de ir andar, correr polo monte e ás carreiras desde, polo menos, o Trail de Muras de 2019. Así que é unha mágoa e tíñalle aprecio, pero xa abondo durou.
Inscribinme na carreira un pouco de xeito inconsciente, un deses días en que tes bo ánimo, vinme arriba e apunteime a un par de carreiras. Malo sería, dixen, pero tiña que ir con xeito e así fun. O tempo máximo para completar a proba era algo esixente (4 horas), pero se non levaba un golpe non debería preocuparme.
O día anterior sentíame relaxado e con bo ánimo, o que aínda me deu máis confianza en poder desfrutar do evento. Amenceu cuberto, sen chuvia e boa temperatura e ao chegar xa estaban por alí os catro gatos que iamos participar na distancia longa das dúas programadas e tiñamos a saída unha hora antes que as participantes na de doce quilómetros.
foto do mapa coa ruta, case 26 km e 1600 m de desnivel positivo.
Non atendera moito ao perfil da carreira, nin ao tipo de subidas (erro) ou características do terreo. Con ter unha idea da distancia e desnivel xa fago un cálculo rápido sobre a dificultade e incluso o tempo que me vai levar. Curiosamente calculeille moi ben, pero o proceso foi algo máis complicado do agardado.
gráfico de elevación da ruta
No gráfico non se ven todas as mini-subidas-trepadas que había que facer cada vez que pasabas dunha vertente a outra dun rego e que te van minando.
Temperatura agradable, bo ánimo, a correr!!
O plan era saír relaxado, conscientemente relaxado durante polo menos unha hora. Centrándome na cadencia case como nun adestramento (rock-lobstering), na respiración, postura... fíxeno ben. Se o fixen ben hai que dicilo XD
O plan xeral realmente é o de sempre: non levar un golpe e ir facendo quilómetros sen agobiarse nada, que xa chegará o cansanzo, as costas difíciles, e sentidiño que mañán hai que ir traballar.
Non teño eu capacidade, nin gañas, de describir cada quilómetro pero abonda dicir que correr polo bosque en outono é moi agradecido e bonito. Cruzamos algunha leira de eucaliptos, pero a organización fixo un esforzo para ir por sitios "bonitos" seguindo algún regueiro, pasar xunto a unha fervenza, subir aos picos significativos (Mte. Comado), con vistas fermosas sobre quilómetros e quilómetros de costa,...
un dos fermosos lugares polos que pasamos, foto da organización
Non "sufrín" nin notei esforzo ata as últimas dúas subidas significativas que se ven no perfil. Das dúas, a primeira, só tiña MOI empinado o último tramo e andando ao xeito fun indo, incluso ao rematar podía trotar sen fatiga ao pasar o cortado entre os penedos que alí hai e chegar ao último avituallamento.
No segundo pico... tiven que parar dúas ou tres veces a coller folgos. Facía ANOS que non notaba esa sensación, lembro un día alá polo Barbanza que ía asfixiado e para min era unha novidade ir asfixiado só por ir andando, por moita parede de cabras que fose XD. Desde aquela aprendín un pouco, pero onte parei un par de veces a coller folgos, case sen mirar abaixo (non atrás) para non sentir vertixe. Este tramo ven sendo o que se sube na carreira "medio quilómetro vertical" que tamén organizan aquí. Abofé que é vertical!. Non contaba con este tipo de subida e incluso podo dicir que comecei a subir "animadamente", como se non fose comigo a cousa, ata que me dei conta de onde estaba. Fíxoseme longa, case desagradable. Tampouco é para tanto oh! que podíame sentar alí cinco minutos e coller aire en lugar de parar trinta segundos, pero extrañeime de mín mesmo, estaba como observándome desde fóra, e lembrei ter vivido esta sensación antes. Tamén lembrei esas alpinistas, privadas de osíxeno, a -20ºC, cargadas de equipo de escalada... que no estamos tan mal hombre!! XD Foi aquí a única vez que botei contas sobre o tempo de corte, mira como vería a cousa XD
O caso é que cheguei arriba xa con máis gañas de rematar que outra cousa e tirei para abaixo pero estábaseme comezando a facer longa a carreira e tiven que ir con xeito para que os cuádriceps aguantasen. Non tiven problema tampouco, aparte de esvarar un par de veces (era moi "vertical" tamén), pero o core aguantou-me de non levar unha boa cuada (ou peor) XD. Cheguei un pouco cascado, a verdade, pero ben dentro do tempo establecido con pouquiño máis de tres horas e media.
Chuviscou un pouco durante toda a carreira pero facía moi boa temperatura e case nin se notaba. Porén, durante a premiación e o xantar choveu con algo máis de gañas, e menos mal que tiñan un par de carpas.
Sempre abondosa a comida nesta carreira, desfrutamos da compañía e a conversa.
Foi unha experiencia agradable e da que gardarei bo recordo aínda cos momentos difíciles. Como obsequio regalan sempre un castaño, levo outro máis.
Web da Organización da Carreira