IX Carreira Viquinga, Carnota

Por ghose , 15 Nov 2023, na categoría carreiras

carnota, carreiras populares, correr, montaña, trail, trailrunning, viquinga

Descrición

perfil da carreira

Lembro ter participado nas primeiras edicións, e creo que aquelas edicións eran algo máis curtas, pero o tipo de carreira segue a ser o mesmo.

Nesta edición saímos da zona das escolas e pabellón deportivo (non lembraba tal) en dirección á Casa do Concello de Carnota, todo moi chan e por carreiros e camiños no pinar. Alí comezamos a subir máis ou menos seguindo o Camiño das leiteiras e algo antes de chegar ao lugar onde xa se ve Muros collemos a man esquerda un cortalumes en dirección ao alto. Moi empinado, moita pedra solta, enlamado. A primeira banderilla.

Metémonos na néboa de andivemos uns quilómetros por alí arriba de sube/baixa ata que collemos outro cortalumes moi empinado para baixar a media ladeira. Igual de empinado que o primeiro, igual de roto e esvaradío, tiven que ir co freo de man e non me matei.

A partir de aquí sucedéronse as subidas curtas pero empinadas por camiños para subir ao Bico do Santo, ata preto do cumio, e ás Fervenzas de Pedrafigueira, moi bonitas e cheas de auga. Como bonita foi a subida polo regueiro nun bosque de acacias. Vive deus que non hai maior bosque de acacias na península (seguro que o hai, pero sendo a peste que é aquí, pois concédome a licenza).

mapa da ruta

Ruta que subiu a organización a wikiloc

Que dicir das vistas que tiñamos por aló arriba? (cando o osíxeno nos chegaba ao cerebro e nos daba para erguer a cabeza sen afuciñar)

A miña carreira

Saín atrás de todo, pero xa me parecía a min na saída que había moito "flipado" desto do trailrunning e tipos finos e longos e pouco paquete. Se hai pouco paquete, eu son o paquete 🤣 . Dito finamente, ao haber dúas distancias (10 e 24km) as persoas que se senten un pouco intimidadas pola distancia (ou outra razón) van á distancia curta e quedan os pros para a grande, polo que o nivel medio sobe. Concédeme tamén esta licenza pero, con matices, isto é así.

Saín atrás, deixeime ir moi cómodo ata que comezou a subida... e aínda seguía atrás 🤣 Ao comezar a subir, sen forzar nada, xa me fun achegando a pequenos grupos. Intentaba ir cómodo (dentro do esforzo) e ser consciente do que quedaba. Debería ter ido incluso un pouco máis tranquilo, pero veste alí e a veces é complicado controlar o ritmo.

Dicir que nin estou adestrando nin nada, incluso as últimas semanas algo abandonado, pero gracias a dios e a tantos anos correndo dame o fondo para participar e desfrutar de xornadas como estas. Hoxe tiven cero problemas.

Nos quilómetros intermedios foi onde adiantei máis persoas (ao final quedei xusto no percentil 70) e mantívenme máis ou menos na mesma posición sentíndome dentro das miñas posibilidades. Había só un avituallamento no quilómetro 14 e eu creo que foi algo escaso (eu non levaba nada), pero fun ben. Fan broma con iso do Aquarius Carnotán, pero creo que isto debería estar mellor indicado no regulamento (onde creo que poñía que había dous avituallamentos).

No quilómetro do 15 ao 16, subindo o rego do bosque de acacias (subida moi fermosa) foi onde me dei conta de que igual gastara de máis, foi cando notei que as pernas xa non ían. Si, é moi pendente, pero notas enseguida polo xeito de respirar, polo xeito de moverte entre as pedras ou gateñar polo talud se realmente aínda estás dentro da marxe de seguridade. Eu non o estaba. A partir de alí fun como puiden e intentando non atufarme. Que non pareza que ía morto ou en agonía 🤣 , só que se me acabaron as forzas e había que ir con cabeciña sen intentar seguir a ninguén.

Había como tres ou catro subidas mais curtas pero que me foron minando aínda máis. Como a todo o mundo, pois pasáronme só tres persoas nestes quilómetros finais (a estas alturas xa sabes contra quen corres).

Resumindo

paseino ben e non levei un golpe. Tiñamos paella e rosca para o xantar alí no pavillón. Seica tamén había churrasco, pero eu aínda estiven un anaco e non vin nada.

Non sei cando volverei por alí, se volvo, pero está ben se vos apetece coñecer a zona e se ides no verán pois non deixedes de ir ata a praia.

imaxe de turismo.gal