Radicalized - Cory Doctorow

Por ghose , 24 Nov 2023, na categoría libros, recensión

cory doctorow, distopía, futuro, libros, relato, sociedade, tecnoloxía

Título: Radicalized (2019)

Autor: Cory Doctorow, páxina web

foto da portada

Catro relatos curtos e independentes que presentan uns futuros posibles nos que partindo da tecnoloxía e sociedade da información "actual" o autor especula sobre diferentes escenarios. Desde o colapso climático ata unha xerarquización social aínda máis marcada (en relación ás sociedades occidentais actuais).

Traio aquí o que publiquei despois de ler cada historia.

unauthorized bread

Unha crítica ao modelo económico que monetiza ate os aspectos máis básicos das nosas vidas, co trasfondo da inequidade social, da loita por sair adiante na vida, na forza que hai que ter para non deixar que che rouben ate a dignidade de ser una persoa.

Hai unha pasaxe onde, curiosamente, unha empresa usa unha argumentación moi parecida á que están escoitando as persoas que usan facebook estas semanas, onde a empresa di que vai a comezar a cobrar polo seu uso ante uns cambios na lexislación europea: se queres que sexa gratis tes que ver publicidade en función dos datos que nos entregas. É só unha anécdota que coincide no tempo.

model minority

Neste narración aparecen a violencia policial institucionalizada, ou máis ben racismo violento normalizado expresado en forma de violencia policial. A sua raiz flota en todo o relato así como a súa perpetuación só é posible, sendo evidente, desde o amparo social colectivo.

Gustoume o xeito en que utiliza a figura dos superheroes e como hai elementos de represión máis poderosos que a forza física (ou a violencia).

É un relato duro, porque máis aló dos detalles, sabes que na realidade todo é peor e real.

radicalized

rematei radicalized, pero non sei se comprendín completamente o que o autor quería transmitir. Hai un momento cun diálogo tal que:

— A violencia nunca é a solución aos problemas.
— ...non é iso o que non ensina a historia da humanidade.

Ao comezar o relato temos un momento Deux ex machina, disfrazado de evento de moi baixa probabilidade, que ao lelo pensei se ía ser relevante para o desenvolvemento da historia. Após rematar, creo que non era totalmente necesario. Non escribo isto como algo negativo, só unha opinión subxectiva, pois o relato trata temas moi serios e non me cadra ben este xiro na historia.

Tamén, non sei se estamos ante a xustificación do recurso á violencia ou á simple descrición dunha situación onde esta pode emerxer (das persoas).

Creo que, dos tres que levo, foi o que me gustou menos, porque a historia vivida desde a posición do protagonista fáltalle moita profundidade na construcción do personaxe, demasiado plano para tantas cousas que lle pasan e sobre as que debe decidir (e sufrir).

masque of the red death

Rematei o último relato. Meh, a verdade. Por causas previsibles (na realidade) o mundo vai ao carallo e un jalipollas, con información privilexiada porque el é parte da causa, constrúe unha fortaleza no medio do deserto e leva alí un par de dúcias de persoas escollidas para sobrevivir durante o tempo que lle leve á sociedade recuperarse. Como jalipollas que é segue a funcionarlle a cabeza nese mundo igual que o facía no anterior. Spoiler: Non sae ben.

O inicio resultoume confuso, pero igual foi por limitacións miñas ao ler, non entendía se O Evento era un videoxogo ou que. O Evento é "cando todo vai ao carallo" (isto non é spoiler nin nada), é algo real, e podes imaxinalo como un mundo postapocalíptico onde se supón que as sociedades globalizadas e interconectadas deixan de estalo. En realidade só sabemos acerca do que teoriza @pluralistic ao respecto desta pequena sociedade que O Jalipollas de Martin crea. Incluso centrándose só nela, creo que está só superficialmente descrita.


Valoración

na miña opinión son relatos un pouco desiguais en canto a calidade, estando os dous primeiros mellor construídos, na miña opinión. En calquera caso o libro déixase ler.