XVIII Cross de Verán de Broña

Por ghose , 17 Sep 2024, na categoría carreiras, deporte

broña, carreiras populares, correr, cross de verán, outes

Oficialmente a segunda carreira do ano.

quien te ha visto y quien te ve

Visto así parecería que estou abandonado, ou lesionado, pero non é iso, simplemente non teño motivación para ir ás carreiras. Nin a estas tan agradables nin a penar polos montes.

fotografía do circuito

Cross de Broña

en Outes, na zona recreativa e Praia de Broña, cun sol e temperatura moi agradables, unhas 200 persoas entre adultos e categorías de menores, correndo a carón do mar e entre os pinos, cun desnivel moi suave a un circuito de dúas voltas (novo nesta edición), tendo saúde e dispoñibilidade de tempo,... como podía non ir!?

alá que fomos a familia, cos pequeniños que tamén correron (da gusto ver correr a rapazada), a desfrutar da mañán correndo en compañía.

Do lugar da carreira non vou repetirme. Menos que a auga do mar sempre está fría XD o resto todo é positivo.

A carreira

pois como non adestrei para este tipo de carreiras curtas (nin para as longas, pero tampouco é que deixase de facer endurance) non sabía moi ben como me ía sentir, así que saín atrás de todo para véndome no medio da xente non me acelerase a lo loco e rematase asfixiado.

Tardei 700 metros en poder correr. Si, cando me dei conta de que tiña vía libre para correr ao ritmo que quixese mirei o reloxo e todo. Veume ben saír amodo, falando coa xente e mirando a paisaxe da ría.

A partir de aí concentreime nesa fina liña de ir forte pero sen atufarme. Non mirei o reloxo en toda a carreira, intentaba concentrarme na respiración, na cadencia, andar na pequena subida empinada, en que non me doese o nocello (aínda ando con molestias, pero non me impedía nada), ir achegándome aos poucos a algún grupo de persoas que ían un pouco máis adiante. Desfrutei do circuito, dúas voltas, a primeira collendo confianza e a segunda concentrándome no esforzo grazas a coñecelo.

Os últimos dous quilómetros eran case chans de todo pero revirados, en parte a carón do mar, e collín moi ben o ritmo máximo sostible. Non cheguei morto a meta nin asfixiado, pero hai que recoñecer que non podería acadar o nivel de intensidade (e velocidade) que podería acadar se adestrase cun pouquiño de siso. Non me paga a pena o esforzo.

bonita foto que me fixeron

O caso é que leo agora isto que escribo e case me parece que estou inventando todo (non é así) e que tiña un plan, pero durante a carreira todo o que intentei foi a) pasalo ben e b) repartir ben as forzas, as que tivese. Non lle dei moitas voltas ao asunto, pero algo teño que escribir.

As sandalias Pies Sucios Terra ben, era a primeira carreira con elas.

Grazas ao Clube de Atletismo de Outes por organizar un ano máis a carreira (18 edicións) e sidiosquere hei volver.

no fediverso ⁂

que é iso de ir a unha carreira e non contalo en interné?🤣 Pois claro que o contei!